Compostela interpreta os pioneiros da fotografía


Despois dunha tempada de traballo e organización a Asociación Cultural Fotoforum Compostela inaugura o vindeiro 4 de xuño, a súa primeira exposición colectiva do ano, na Casa do Cabido da capital
galega. A mostra, integrada por medio centenar de obras orixinais de membros do
colectivo, leva por título “Compostela interpreta os pioneiros da fotografía”.
Este
proxecto expositivo xurdiu da proposta dun reto fotográfico: emular no
presente, coas técnicas modernas, e dentro do contexto da cidade compostelá, os
grandes persoeiros da fotografía que foran, no seu tempo, pioneiros nunha nova
disciplina artística. Moitas veces incomprendidos ou relegados a un segundo plano
por se considerar artesáns dunha arte menor, hoxe, co paso do tempo, podemos
apreciar a súa vontade innovadora e mesmo investigadora ao empregaren unha
técnica descoñecida e recente que non contaba aínda con moitos adeptos. No
entanto, brillaban pola orixinalidade, o esforzo compositivo, a inquietude
artística e o traballo creativo, que ficaron plasmados en pezas que agora son
admiradas como “obras mestras da fotografía”.
Para
realizar cada unha das obras, os fotógrafos participantes tiveron de analizar
polo miúdo a vida do autor, a época na que lle tocou vivir, os medios dos que dispuña,
o tratamento da luz, a composición co fin de se pór na súa pel e, desta maneira,
interpretar a súa obra e achegala a Compostela, para que sexa a propia cidade a
que nos proporcione as imaxes. Nesta exposición podemos encontrar grandes
mestres como: André Kertész, Edward Weston, Man Ray,
Alfred Eisenstaedt, Ruth Matilda Anderson, Ksado, Imogren Cunnigham,… A fotografía máis antiga interpretada e de 1840 de
Hippolyte Bayard que, como acto de protesta, fotografara a súa propia morte. As
imaxes máis recentes son dos anos trinta, onde atopamos,
entre outros, un dos fundadores do construtivismo: o ruso Alexander Rodchenko.
Se vas vir por Compostela entre o 4 de xuño e o 3 de Xullo, podes pasar pola Casa do Cabido e mirar esta homenaxe os pioneros.
 Casa do Cabido. Sala de exposicións
Praza das Praterías, Santiago de Compostela
Horario:

Martes a sábados, de 10 a 14h e de 16 a 20h (Verán: de 17 a 21h).
Domingos de 11 a 14h.
Luns pechado.

Entrada libre